sábado, 1 de dezembro de 2012

Crónica aproximada da IIIª Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio a AGE.

Clicar acima do collage para ampliar a imaxe

|Modificada, coas contribucións recibidas, o 03.12.2012 ás 11:12|

Un centenar de persoas asistiron en Ferrol á IIIª Asemblea do Movemento Social de apoio de AGE. Activistas do movemento veciñal, ecoloxista, feminista, sindical, cultural, de distintas plataformas cidadás... estaban convocadas a debater guiándose por unha orde do día que, aínda que densa, foi desenvolvéndose paso a paso grazas á capacidade política que emana do colectivo e da experiencia de anos de loita común.

Só se puido contar nesta ocasión coa asistencia da deputada Yolanda Díaz. O deputado Antón Sánchez desculpou a súa ausencia por motivos de saúde.

En relación da folga xeral do dia 14 de novembro, debateuse sobre as expectativas e distintos tipos de resposta que xerou, e a participación na mesma dos movementos socias, con distintas iniciativas na nosa comarca. Valorou-se como moi positiva a iniciativa da "Culebra Social". Houbo dúas propostas para que a asemblea as vaia madurando, concretando e reflexionando sobre elas. Un “Plan de Emerxencia de Contestación Social”, en relación á necesidade de resposta inmediata e organizada a respecto dos sucesivos decretos do goberno do PP, e outra para apoiar novas convocatorias de folga, con iniciativas “sustentadoras da vida”.

Resaltou-se a importancia das vindeiras mobilizacións unitarias como a convocada para o Martes 4 de Decembro en Defensa da Sanidade Pública; ou a prevista para o, tamén Martes 11 do mesmo mes contra as taxas xudiciais.

En relación ao proceso de creación da Alianza Social Galega, expresouse a vontade de que esta se constitúa a nivel comarcal. Así vai-se solicitar o próximo día 10 de decembro na reunión que esta plataforma vai manter en Compostela. Activistas da Marcha Mundial das Mulleres presentes na asemblea, informaron da mobilización europea polo Día Mundial dos Dereitos Humanos, invitando a todas as organizacións a convocar un acto conxunto diante do centro de saúde Fontenla Maristani, o propio día 10 ás 18hs, con micrófono e actividades abertas. Esta proposta estaba acompañada do apoio do Foro Galego de Inmigración e Lazos.

En relación á proposta de concretar o xeito de relacionarse esta asemblea co Grupo Parlamentar, apareceron distintas propostas (por comisións ou na propia asemblea) para un debate que fica aberto, achegando as seguintes reflexións comúns:

De todas as iniciativas do Grupo Parlamentar de AGE, das que deu lectura  e explicación Yolanda Díaz (IBI Igrexa Católica, IBI vivendas baleiras, Medididas Tributarias xustas, minas de Corcoeso, Pacto contra a pobreza, Pesticidas, Paz e cambio climático, Fadesa, Decreto do Galego, nova banca pública galega, desafiuzamentos, ...) , a maioría eran descoñecidas para as persoas participantes na asemblea. Deste xeito confirmase a falta de canles comunicacionais entre a cidadanía e o Grupo Parlamentar. Apuntouse como medida paliativa mais inmediata a axilización da creación dunha web informativa e colaborativa, do grupo parlamentar da coalición.

Alertou-se sobre a importancia de dar a coñecer publicamente as iniciativas  presentadas e nas que se están traballando, aumentando o énfase sobre o traballo parlamentario encetado, pois co que queda a maioría da xente só é co que os media pregoan e ao PP lle interesa: que estamos "pelexando por uns metros cadrados de espazo no parlamento".

As iniciativas valoráronse moi positivamente, incluíndo unha reflexión sobre a necesidade de realizar algunha actuación xa sobre a loita de Reganosa. Manifestou-se de forma explícita que se solicitase no Parlamento a petición dunha Auditoría que nos levase ao non pagamento da Débeda Ilexítima e propor a través do mesmo unha actuación directa para pedir responsabilidades xudiciais aos banqueiros culpábeis da estafa á cidadanía. Considerou-se moi importante loitar contra o saqueo do que noutrora foran as caixas de aforros galegas e propor a creación dunha banca pública galega, sobre todo neste momento que xa anuncian a inminente venda de novagaliciabanco, despois de despedir a miles de traballadoras e traballadores, e ser salvado con diñeiro público.

Considerou-se como moi importante o compromiso das e dos activistas dos movementos sociais na divulgación, apoio e colaboración en todas as iniciativas do Grupo Parlamentar, incluída a súa defensa como no caso, neste momento, dos intentos de marxinalización dentro das propias dependencias do Parlamento. Neste sentido, reflexionouse sobre a necesidade de compaxinar a mobilización e concienciación social, co traballo parlamentar, único xeito de conseguir o efecto transformador e rupturista que anceiamos.

Cumpre sinalar a participación nesta asemblea do compañeiro Rafael Pillado, que aínda convalecente dunha recente operación, quixo estar uns minutos con nós, para contribuír na análise e nas propostas.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esta terceira asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, organicen a próxima convocatoria.

Narón, a 30 de novembro de 2012

A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:

Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez, Mel Sanxoan e Bernardo Cuétara.

Nota.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos  e elaborar a proposta de orde do día.

Aviso:  Esta é unha crónica aproximada, polo que se prega quen quixer completar a crónica, envie as aportacións ao correo-e asemblea.apoio.alternativa@gmail.com.
_____________


quinta-feira, 29 de novembro de 2012

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país


O grupo parlamentario asegura que a dramática situación actual impón a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país.

Os membros do Grupo Parlamentar consideran intolerábel a situación social que se vive no noso País, resultado da vaga de desafiuzamentos que enchen a cotidianeidade dramática das familias traballadoras. Esta situación imponnos a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas para evitar unha problemática inxusta que está a causar alarma social, pobreza e marxinalidade, e mesmo mortes. Os datos semellan un berro elocuente encol dunha realidade que antepón o lucro privado aos dereitos recollidos na Constitución e no Estatuto.

Alternativa Galega de Esquerda acredita a urxencia de modificar a legalidade de maneira que resolva tanto a situación das familias que están a piques de sufrir a perda da súa vivenda canto permita atender a situación das familias que xa a perderon.

No noso País a media de desafiuzamentos diarios é de 16, segundo os datos proporcionados polo arquivo estadístico do Consello Xeral do Poder Xudicial, que recolle a perda da vivenda ou local comercial por parte de 3.037 propietarias e propietarios no primeiro semestre do ano. Os datos son moi superiores aos dos anos pasados a causa tanto da dureza da crise canto da veracidade e completitude dos mesmos, en canto recollen tamén os lanzamentos acordados nos xulgados de primeira instancia. Nos primeiros seis meses deste ano formalizáronse 1.320 casos de execucións hipotecarias. As cifras oficiais, nada sospeitosas de tentar provocar alarma social, son estarrecedoras: dende 2008 ordenáronse 7.367 execucións que remataron en desafiuzamentos en 5.994 dos casos. Estas cifras impóñennos actuar a favor das persoas e familias afectadas por esta problemática.

Os últimos pronunciamentos públicos de diferentes entidades oficiais apuntan á urxencia para reformar unha lexislación que ampara hoxendía múltiples abusos do poder financiero. As propostas presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial ou a iniciativa da Avogacía Xeral da Unión Europea dan razón aos grupos políticos e ás entidades de loita social que vimos denunciando e contrapropoñendo diversas iniciativas neste senso dende hai varios anos.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda acredita na necesidade de modificar en profundidade a lexislación para evitar inxustizas flagrantes e escandalosos procedementos sumarios para botar as persoas das súas casas, para protexer aos debedores fronte os abusos das entidades financieiras que socorremos de cote con milleiros de millóns de cartos públicos, de xeito que sexa efectivo o dereito constitucional a unha vivenda digna en todos os supostos de desafiuzamentos por insolvencia das persoas residentes.

O Grupo Parlamentario considera que cómpre tramitar con urxencia e participadamente as medidas suficientes que eviten que ningunha persoa máis fique na rúa, sen un teito, e para que ningunha persoa afogada polo drama da perda da súa vivenda se suicide. “Se non modifican políticas que levan á xente a suicidarse, estamos santificando políticas criminais” concluíron.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que se establecen os seguintes puntos:

1.- Que a Xunta de Galiza suspenda por un período de cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen para desafiuzar a calquera persoa residente nunha vivenda deste Instituto en atención á situación de depresión económica na que nos atopamos e ás súas secuelas en termos sociais e económicos.

2.- Que se consitúa unha Comisión Galega contra os Desafiuzamentos coa participación dos grupo políticos e entidades sociais que traballan nestra problemática para mediar nos casos en que o procedemento ameace coa perda da vivienda a persoas afectadas e achegue solución en todos os casos para evitar o desafiuzamento.

3.- Que se inste ao Goberno do Estado a modificar a Lei de Enxuizamento Civil, cunha disposición transitoria para que nos procedementos de execución hipotecaria que afecten á vivenda habitual do debedor ou dos seus familiares directos, que tiveran rematado coa resolución que comporte o desafiuzamento, o xuíz ou xuíza, a petición das persoa afectada ou das administración públicas competentes na materia dos servizos sociais ou de oficio, deberá decretar a suspensión da dilixencia de desafiuzamento, ate que as partes intervintes ou as administración públicas competentes non presenten un acordo ou proposta que garanta o dereito da persoa afectada a seguir a dispor da mesma ou distinta vivenda nas debidas condicións de habitabilidade e vecindade, mediante título que asegure estabilidade residencial por un período mínimo de cinco anos e nas condicións económicas axustadas ás posibilidades da persoa afectada.

4.- Que esta suspensión se acordará tamén nos procedementos nos que xa se tentara unha ou máis veces o lanzamento e queden pendentes de practicalo.

5.- Que se introduza un procedemento incidental, polo que as persoas titulares de vivendas nas que teñan a súa residencia habitual ou a dos seus familiares directos, e que se atopen hipotecadas, poidan instar á suspensión temporal do pagamento das cotas, sen acreditación de novos intereses, por xusta causa consistente en situación de paro, accidente laboral, larga enfermidade, desgraza familiar ou infortunio semellante, sen ingresos mínimos suficientes para atender ás necesidades alimenticias e as cotas hipotecarias, e namentres se manteña a situación de emerxencia ou as autoridades competentes en materia de servizos sociais e de vivienda, presenten unha solución que garanta o dereito a dispor dunha vivenda digna.

6.- Que se introduzan as medidas legais e regulamentarias necesarias para que NOVAGALICIA BANCO, en tanto que entidade financeira intervida polo Estado e que inclúe activos inmobiliarios residenciais, poña de xeito inmediato a disposición das autoridades galegas e locais o dereito de uso- por un tempo máximo de cinco anos- das vivendas baleiras e que reúnan as condicións de habitabilidade cando así sexan requeridas por resolución que xustifique a necesidade de dispor das mesmas para atender as necesidades de aloxamento de persoas e familiares que perderan o uso dunha vivenda ou se atopen en risco inmediato de perdela por causa dos procedementos de desafiuzamentos xa executado ou por desafiuzamentos arrendaticios.

7.- Que tanto para a elaboración da normativa que se propón nesta Proposición non de Lei canto para a reforma lexislativa instada se faga partícipe ás Plataformas de Afectados pola Hipoteca (PAH) que polo seu traballo social desenvolto nestes anos nos procesos de solidariedade coas familias afectadas coñecen en profundidade a súa realidade e as necesidades derivadas da mesma.

Compostela, 28 de Novembro de 2012

Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda
__________________________________

sábado, 24 de novembro de 2012

O Venres, 30 de Novembro, en Ferrol nos locais da Sociedade Deportiva e Recreativa de Canido, celebrara-se a III Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

Unha nova Asemblea Popular en apoio á Alternativa Galega de Esquerda, que desta vez se celebrará en Canido.

Esta é unha Asemblea Aberta a todas as persoas que consideren que a Alternativa Galega de Esquerda é unha expresión política válida, onde o movemento social de Ferrol Terra poda confiar as súas reivindicacións e demandas; para que estas cheguen ao Parlamento Galego.

A cita é o Venres, 30 de Novembro, ás 19hs en Ferrol, nos locais da Sociedade Deportiva e Recreativa de Canido
.

III Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

O pasado Venres 2 de Novembro, celebrabamos no Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón, a II Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda. Con anterioridade, antes das Eleccións Lexislativas Galegas do 21 de Outubro, celebramos unha Asemblea en Ferrol, no Centro Cívico Carvalho Calero do Inferniño, o 28 de Setembro, de activistas do movemento social de Ferrol Terra, en apoio da coalición electoral. Como resultado desa asemblea, asinábase un manifesto onde, ademais de amosar as razóns deste apoio, a propia asemblea convertíase en sentinela do mandato popular.

Criába-se así un espazo de reflexión e activismo político, fora das estruturas das organizacións políticas, de participación directa da cidadanía e confluencia das distintas opcións e visións que apoian a Alternativa Galega de Esquerda.

Na citada segunda asemblea, reflexionamos e acordamos diferentes asuntos recollidos na crónica aproximada xa publicada e outros acordos para a Folga Xeral do 14N.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esa segunda asemblea, xunto ás que se sumaron na mesma, fixeran, despois do 14N unha nova convocatoria. Estas persoas terían só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos e elaborar a proposta de orde do día.

Estas persoas abaixo relacionadas, tomamos a iniciativa de convocar unha terceira Asemblea en Ferrol, nos locais da Sociedade Recreativa e Deportiva de Canido, situada na Rúa Insua, para o venres 30 de novembro ás 19hs, coa seguinte orde do día:
  1. Elección de dúas persoas que moderen a asemblea (unha muller e un home).
  2. Análise da folga do 14N. E despois que?
  3. Alianza Social Galega. Propostas para conformala na nosa comarca.
  4. Propostas para o deseño das relacións da Asemblea co Grupo Parlamentar de AGE.
  5. Rogos e preguntas.
Por outra banda acordou-se convidar á Yolanda Díaz e Antón Sánchez, membros do Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda, para participar nesta Asemblea, para que nos expliquen os obxectivos inmediatos do citado Grupo e someter-se ás preguntas que houber (Yolanda e Antón xa confirmaron a súa presencia).

En Ferrol, a 23 de Novembro de 2012

Asinan esta convocatoria: Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez e Mel Sanxoan.

ESPALLA E DIFUNDE !!

Nota.- Achegamos documentos, da Alianza Social Galega e a Circular Nº1 sobre reparto do Grupo Parlamentario nas comisións do Parlamento Galego, en ficheiros anexos formato -pdf.

DECLARACIÓN DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 14 DE NOVEMBRO.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJa3NKM1hHTHliZms

MANIFESTO DA ALIANZA SOCIAL GALEGA.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJTzhsYVk5X2I4OTQ

Circular Nº1 sobre reparto do Grupo Parlamentario nas comisións do Parlamento Galego.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJaTFCUFhLV05JT1k

***

quinta-feira, 15 de novembro de 2012

Os movementos sociais da Galiza acompañarán as parlamentarias e parlamentarios da Alternativa, nun 'Cortexo Cívico' até o Parlamento Galego na súa toma de posesión, este Venres 16 de Novembro de 2012


O 16 de novembro de 2012, terá lugar a toma de posesión das parlamentarias e parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda.

O grupo parlamentar electo e as forzas políticas que conforman a coalición fan un chamamento ao movemento social en particular e á cidadanía en xeral, por se queren acompañar en "Cortexo Cívico" ás parlamentarias e aos parlamentarios, representantes obedientes ao mandato popular até a porta do Parlamento Galego. Onde van levar o mandato ao Parlamento de xerar unha nova cultura de radicalidade democrática, de defensa dos intereses da maioría social fronte aos bancos e as oligarquías. Poderes que se enfrontan claramente aos obxectivos que promoven e defenden día a día os nosos movementos e organizacións, que loitan polo reparto da riqueza, polo fin da pobreza, pola defensa do medio ambiente e o noso territorio, por uns servizos públicos, universais e de calidade, contra os ataques á nosa lingua e cultura, contra o machismo, o racismo e a xenofobia..., nun esforzo constante por constituírmonos en cidadanía consciente, que sabe cales son os seus dereitos e as súas obrigas.

Día: Venres 16 de Novembro.
Hora: 10:00hs.
Lugar: na Praza de Galiza, de Compostela.

PARTICIPA !!


---

terça-feira, 13 de novembro de 2012

A "Culebra Social" da Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra, todo un suceso


Activistas pertencentes a ducias de colectivos veciñais, ecoloxistas e culturais da cidade, agrupados na chamada Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra, moi activos contra os desafiuzamentos, realizaron hoxe unha "culebra social" polos barrios da urbe, para chamar aos cidadáns a secundar a folga xeral convocada o mércores 14N.

Un numeroso grupo de persoas, organizadas na chamada Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra, puxeron en marcha esta mañá unha "culebra social" polos barrios e prazas da cidade para informar á veciñanza das súas reivindicacións e animal@s a sumarse mañá á folga xeral, social e de consumo do 14N, convocada polos sindicatos e apoiada por un amplo abano de organizacións sociais e políticas.

"Somos cidadáns chamando a outros cidadáns a sumarse á folga", clamou un dos portavoces do colectivo polo megáfono durante un momento desta singular protesta que tivo carácter festivo ao son da música de gaitas.

A "culebra social" arrincou ás nove na praza de Armas, diante do Concello e finalizou preto das 13:30 na Praza Amada Garcia, ante a delegación ferrolá da Xunta, tras percorrer os barrios de Esteiro, o mercado de Caranza e a praza do Inferniño.

A "culebra social", recordan, era unha práctica habitual nos estaleiros ferroláns nos sesenta e setenta, e realizábase de taller en taller para informar aos traballadores da situación e "animalos" a sumarse á mobilización, un paro ou a unha folga.

"Moit@s non temos acceso a un centro de traballo para realizar este tipo de asembleas, por iso convertemos a cidade nunha factoría e as prazas en talleres para denunciar a situación actual e dar alternativas a este sistema", resumo @s convocantes.

Desde a plataforma animan aos veciños e veciñas a secundar a folga, non consumir en comercios nin bares, non utilizar o transporte público nin o coche, non levar aos nenos ao colexio nin acudir ás citas médicas e, ademais, reducir ao mínimo o consumo eléctrico, entre outras propostas.

Un carrusel de diapositivos de Susete'70:

Galería de Fotos

Blogue da Asemblea Popular:

http://ferrolterra-folgaxeral.blogspot.com.es/

Fonte: Axencias
__________

domingo, 11 de novembro de 2012

Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio da Folga Xeral e da Xornada de Loita Europea do 14N

Por iniciativa da nosa Asemblea, e dado que non deron os seus froitos as xestións realizadas diante das centrais sindicais, para poñer a funcionar a Alianza Social Galega na nosa Comarca, convocamos unha Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra, en apoio da Folga Xeral e da Xornada de Loita Europea do 14N. Asemblea que se celebrou o Sábado 10 de Novembro, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro.

Acordos da Asemblea Popular do Movemento Social Ferrol Terra

Celebrada a Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra, no local da Asociación Veciñal de Esteiro, o Sábado, 10 de Novembro de 2012, ás 11 da mañá, despois de deliberar sobre a convocatoria de Folga Xeral e da Xornada de Loita Europea do 14N, acordou o que segue:

1º Apoiar a convocatoria das centrais sindicais e da Alianza Social Galega.
2º Asumir o Manifesto da Alianza Social Galega.
3º Participar activamente na campaña de convocatoria e na propia xornada de Folga.
4º Elaborar unha folla informativa coas valoracións e contribucións emanadas da propia Asemblea.
5º Convocar unha Rolda de Prensa para o Luns 12 de Novembro ás 12 do mediodía.
6º  Convocar unha 'Culebra Social' (Marcha) por Ferrol, o Martes 13 de Novembro, en apoio á Folga Xeral e da Xornada de Loita Europea do 14N.
7º Participar nas asembleas e nos piquetes informativos.
8º Elaborar consignas para repartir e berrar na Manifestación. Levar todos os megáfonos dos que se dispoña para activar a manifestación con consignas e cantos. Convidar a levar mans de distintas cores, en cartolinas ou folios para visualiza-las na manifestación.

Blogue da Asemblea en apoio da Folga Xeral e da Xornada de Loita Europea do 14N:

http://ferrolterra-folgaxeral.blogspot.com

***

sexta-feira, 9 de novembro de 2012

Auto-Convocatoria, para persoas e representantes do movemento asociativo de Ferrol Terra, para organizar un apoio activo á Folga Xeral do 14N



Auto-Convocatoria, para persoas e representantes do movemento asociativo de Ferrol Terra, para organizar un apoio activo á Folga Xeral do 14N

Día: Sábado 10 de Novembro
Hora: 11:00 hs.
Lugar: local social da Asociación Veciñal de Esteiro

A principios de Outubro deste ano, as centrais sindicais CCOO, CIG e UGT, chamaban ao tecido social, veciñal, cultural, ..., para constituír unha Alianza Social Galega, ante a moi grave situación que estamos a padecer en Galiza, como consecuencia das decisións adoptadas polos gobernos de Madrid e Compostela, do dereitista Partido Popular que en forma de recortes públicos e de dereitos sociais e laborais, están saqueando os nosos bens, o noso patrimonio social, o noso tecido produtivo e económico, arruinando-nos como País e empobrecendo-nos como Pobo.

Na primeira reunión da Alianza Social Galega, participaron 60 organizacións sindicais e sociais, das máis representativas da Galiza.

Na primeira reunión, celebrada o 8 de Outubro, acordaron constituír a Alianza Social Galega como un espazo plural e sectorial, de debate e acción, para a mobilización contra as políticas de recorte, para xerar o maior espazo de unidade e mobilización fronte aos recortes sociais e en dereitos, e na formulación de alternativas sociais fronte á crise.

Na segunda reunión celebrada 18 de Outubro, elaborou-se o Manifesto Fundacional que conten as principais propostas da Alianza.

Ademais das tres forzas sindicais promotoras, forman parte desta Alianza, outras organizacións sindicais; Sindicatos Agrarios; ONGs de diferente tipo;  entidades culturais, federacións de ANPAS, asociacións de autónom@s; asociacións e federacións veciñais; sindicatos e asociacións estudantís; plataformas como SOS Sanidade Pública; asociacións de afectados de diferentes tipo; entidades culturais; e outras.

Os obxectivos desta Alianza, non só se concentran na acción e mobilización, senón que tamén pretenden demostrar que hai alternativas á crise, ás actuais políticas e ao actual modelo.

O 31 de Outubro a Alianza Social Galega acordaba por unanimidade apoio a convocatoria de Folga Xeral do 14N, a través dunha Declaración Pública dirixida a todo o pobo traballador galego.

É por todo isto polo que na pasada Asemblea de Sentinelas do Mandato Popular, do 3 de Novembro de 2012, analizabamos no segundo punto da orde do día a convocatoria de Folga Xeral do 14N e o papel que esta Asemblea debería cumprir neste proceso. En todas as intervencións falouse do apoio á unidade sindical; de como afrontar a ofensiva de ameazas e represalias que as traballadoras e traballadores van sufrir no posto de traballo se queren secundar a convocatoria; da necesidade de incorporar a esta mobilización a autónomos, desempregados e desempregadas, e outros sectores sociais, que están a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais, e de como non están aínda suficientemente explicadas as razóns para esta Folga. E acordou-se de tomar a iniciativa de solicitar dos sindicatos a convocatoria urxente na comarca da rede Alianza Social Galega, para canalizar a colaboración e apoio aos sindicatos do movemento social e cumprir os obxectivos da Folga Xeral do 14N en Ferrol Terra.

Quedou encargada unha pequena comisión de persoas vinculadas ao movemento sindical de intentar que as centrais sindicais promotoras da Alianza Social, convocaran unha Asemblea da Alianza Social Galega en Ferrol Terra, para organizar un apoio activo á Folga Xeral do 14N. Os responsábeis das centrais sindicais, ao non poñer-se de acordo entre eles, rexeitaron a nosa proposta, e acordaron tratar o asunto de convocar a Alianza Social, para máis adiante. As centrais sindicais só van convocar unha Asemblea Informativa, para este luns 12 de Novembro, ás 6 da tarde, no Salón de Actos dos locais sindicais de CCOO de Ferrol, sitos no cruce das rúas María e Carmen.

Mais está promovida, por diferentes persoas integrantes do movemento asociativo e sindical da comarca, unha xuntanza en réxime de Auto-Convocatoria, para este Sábado 10 de Novembro, ás 11 da mañá, no local social da Asociación Veciñal de Esteiro, sito na Rúa Fernando VI, Bloque I baixo de Ferrol (Telef. 981933223).

PARTICIPA !!
***

sábado, 3 de novembro de 2012

Crónica aproximada da II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra

A II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio á coalición de Alternativa Galega de Esquerda, reuniu no Auditorio de Narón a 72 persoas vinculadas aos movementos veciñais, sindical, feminista, ecoloxista e cultural. Unha asemblea que comezou elixindo ás dúas persoas, un home e unha muller, que coordinaron o desenvolvemento da mesma, que transcorreu desde ás oito da tarde ás dez da noite.

No primeiro punto da orde do día figuraba a análise dos resultados electorais. Todas as intervencións lamentaban non ter conseguido o primeiro dos obxectivos da coalición que era ter arrincado a maioría absoluta ao PP. Mais tamén se sinalaba que esta maioría absoluta se tiña acadado con tan só o 24% dos votos posíbeis, ao que hai que sumar a perda de mais de 135.000 votos, ao respecto das pasadas eleccións galegas celebradas en 2009. Todos estes factores, fan que o próximo goberno da Xunta parta de escaso apoio popular (unha minoría dunha persoa de cada catro). Comentouse tamén a perda de apoio dos partidos da oposición (Psoe-Bng), mais de 350.000 votos que, ademais da febleza da súa oposición na anterior lexislatura, sumaron, nas formas na campaña electoral, cunha homologáción co PP, sendo este o maior beneficiado. Sinalouse tamén a nosa incapacidade para conectar cos mais de 70.000 votos nulos e brancos que mostraron doutro xeito a indignación cidadá, e a incapacidade para frear o aumento da abstención (Dos case medio millóns de votos que perderon os partidos que se sentaban nas bancadas do Horreo, a grande maioría foron para a abstención e o voto nulo e branco).

Resaltáronse os valores da Alternativa Galega de Esquerda que fixeron posible os resultados tan positivos en tempo récord de: a xenerosidade para unirse as catro formacións políticas; a activación dun sector da cidadanía máis consciente en apoio ao proxecto; o papel das redes sociais para canalizar ese apoio e amplificar a mensaxe; o papel de Beiras, xunto a moitas outras persoas, que souberon explicar o proxecto de AGE, que é moito máis que unha proposta programática.

En todas as intervencións insistíase na necesidade de afortalar e ampliar a coalición; de constituír, o grupo parlamentar, como un poder obediente á cidadanía e á súa expresión organizada, os movementos sociais; de non defraudar ás esperanzas da cidadanía e construír as ferramentas que posibiliten a organización popular ao redor deste proxecto.

No segundo punto da orde do dia analizouse a convocatoria de folga xeral do 14N e o papel que esta asemblea debera cumprir neste proceso. En todas as intervencións falouse do apoio á unidade sindical; de como afrontar a ofensiva de ameazas e represalias que as traballadoras e traballadores van sufrir no posto de traballo se queren secundar a convocatoria; da necesidade de incorporar a esta mobilización a autónomos, desempregados e desempregadas, e outros sectores sociais, que están a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais, e de como non están aínda suficientemente explicadas as razóns para esta Folga.

Aprobouse a iniciativa de solicitar dos sindicatos a convocatoria urxente na comarca da rede Alianza Social Galega, para canalizar a colaboración e apoio aos sindicatos do movemento social e cumprir os obxectivos da Folga Xeral do 14N en Ferrol Terra. De efectivizar este acordo quedou encargada unha pequena comisión de persoas vinculadas ao movemento sindical.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esta segunda asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, fagan, despois do 14N unha nova convocatoria.

Narón, a 2 de novembro de 2012

A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:

Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez e Mel Sanxoan.

Nota.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos  e elaborar a proposta de orde do día.

***

segunda-feira, 29 de outubro de 2012

Convocatoria da II Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda - Venres 2 de Novembro - Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón

II Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

O pasado 28 de setembro, o Centro Cívico Carvalho Calero, acollía a celebración dunha asemblea de cidadáns e cidadás, activistas do movemento social de Ferrolterra, en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda.

Como resultado desta asemblea, asinábase un manifesto onde, ademais de amosar as razóns deste apoio, a propia asemblea convertíase en sentinela do mandato popular.

Criábase así un espazo de reflexión e activismo político, fora das estruturas das organizacións políticas, de participación directa da cidadanía e confluencia das distintas opcións e visións que apoian a Alternativa Galega de Esquerda.

As persoas abaixo asinantes, que participamos nesta primeira Asemblea, tomamos a iniciativa de convocar unha segunda Asemblea no Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón (situado na mesma praza onde está o Centro de Saúde, a mesma Casa do Concello e enriba dun centro comercial), para o venres 2 de novembro ás 20hs, coa seguinte orde do dia:
  1. Análise dos resultados electorais e perspectivas de futuro.
  2. A Folga Xeral o 14 de novembro.
  3. Propostas de auto-organización da Asemblea do Movemento Social.

En Ferrol, a 27 de outubro de 2012

Asinan esta convocatoria: Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez, ...

ESPALLA E DIFUNDE !!

***

segunda-feira, 22 de outubro de 2012

Resultados Electorais no conxunto de Galiza e nos concellos que conforman as nosas comarcas (Ferrol Terra, Eume e Ortegal)

Galiza

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU11999CM_L2.htm

Comarcas
Eume

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU11079CR_L2.htm

Ferrol

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU11089CR_L2.htm

Ortegal

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU11139CR_L2.htm?d=305

Concellos

Ares

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115900499_L2.htm?d=0

Cabanas

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115901599_L2.htm?d=0

A Capela

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115901899_L2.htm?d=0

Cariño

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115990199_L2.htm?d=0

Cedeira

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115902299_L2.htm?d=114

Cerdido

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115902599_L2.htm?d=114

Fene

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115903599_L2.htm?d=342

Ferrol

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115903699_L2.htm?d=342

Mañón

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115904499_L2.htm?d=456

Moeche

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115904999_L2.htm?d=627

Monfero

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115905099_L2.htm?d=627

Mugardos

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115905199_L2.htm?d=627

Narón

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115905499_L2.htm?d=627

Neda

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115905599_L2.htm?d=627

Ortigueira

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115906199_L2.htm?d=627

Pontedeume

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115906999_L2.htm?d=798

As Pontes

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115907099_L2.htm?d=798

San Sadurniño

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115907699_L2.htm?d=969

As Somozas

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115908199_L2.htm?d=969

Valdoviño

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115908799_L2.htm?d=1106

Vilarmaior

http://resultados2012.xunta.es/11AU/DAU1115909199_L2.htm?d=1106

--------

sábado, 29 de setembro de 2012

Video da Asemblea Popular en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda celebrada en Ferrol Terra

Vídeo da Asemblea popular en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda que o venres 28 de setembro, se celebrou no Centro Cultural Carvalho Calero [Ferrol, Inferniño] co obxectivo de unir ás persoas activas da comarca en defensa da candidatura, asinar un manifesto e construír comités de traballo.


http://bambuser.com/v/3018049



***

Galería Fotográfica da Asemblea Popular dos movimentos sociais en apoio de Alternativa Galega de Esquerda


Enlaces relacionados:
Así se desenvolveu a Asemblea Popular en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda celebrada en Ferrol Terra [Vídeo]
Aprobado o Manifesto e constituída a asemblea de sentinelas do mandato popular [Texto]
web oficial da coalición electoral:

http://alternativagalega.com/

---

Manifesto aprobado na Asemblea dos Movimentos Sociais

Manifesto aprobado na Asemblea dos Movimentos Sociais
Manifesto aprobado na Asemblea dos Movimentos Sociais en apoio á candidatura Alternativa Galega de Esquerda, celebrada o 28 de Setembro de 2012, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño, en Ferrol Terra


MANIFESTO DE FERROLTERRA
A ESQUERDA SOCIAL DIANTE DO 21.O

As persoas abaixo asinantes, pertencentes a distintas organizacións, asociacións e movementos, que loitan pola defensa dos bens comúns, a xustiza social e o medio ambiente, a nosa lingua e cultura nacional, reunidas en asemblea na cidade de Ferrol, acordan facer pública a seguinte declaración:

1- Que a democracia, os dereitos sociais, os dereitos laborais, os servizos sociais e os dereitos nacionais, están sendo vendidos aos poderes financeiros, por unhas institucións e uns gobernos que son obedientes a eses poderes, mentres se mostran cegos e xordos ás demandas da cidadanía. Esta situación é extremadamente grave na nosa comarca, con altos índices de desemprego, perda de poboación, sectores industriais claves ameazados e un ecosistema altamente degradado.

2- Que ao longo deste último ano, fíxose evidente que só a unión das forzas populares sindicais, cidadás, políticas...) que se enfrontan a estes poderes, pode mobilizar e ganizar á cidadanía, para conseguir frear os seus ataques e posibilitar construír alternativas que lles arrebaten o poder absoluto que exercen.

3- Que o froito desa vontade de unidade, diante da convocatoria electoral para o 21 de outubro, concretouse na coalición Alternativa Galega de Esquerda, que se presenta a estes comicios como unha forza política que pretende recuperar a democracia, e retirar do poder a quen goberna para os poderes financeiros, executando os seus desexos, que non son outros que sacarnos os dereitos, empobrecernos e permitirlles acumular máis riqueza.

4- Que imos apoiar a candidatura de Alternativa Galega de Esquerda, para que leve o mandato ao Parlamento de xerar unha nova cultura de radicalidade democrática, de defensa dos intereses da maioría social fronte aos bancos e as oligarquías. Poderes que se enfrontan claramente aos obxectivos que promoven e defenden día a día os nosos movementos e organizacións, que loitan polo reparto da riqueza, polo fin da pobreza, pola defensa do medio ambiente e o noso territorio, por uns servizos públicos, universais e de calidade, contra os ataques á nosa lingua e cultura, contra o machismo, o racismo e a xenofobia..., nun esforzo constante por constituírmonos en cidadanía consciente, que sabe cales son os seus dereitos e as súas obrigas.

5- Que para asegurar que ese mandato se cumpre, constituímonos en asemblea de sentinelas do mandato popular, de xeito que as persoas que resulten electas, dean conta deste mandato diante desta asemblea.

Ferrol, 28 de Setembro de 2012

***
Enlaces:

Así se desenvolveu a Asemblea Popular en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda celebrada en Ferrol Terra [Vídeo]

Así se desenvolveu a Asemblea Popular en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda celebrada en Ferrol Terra [Fotos]
web oficial da coalición electoral:

http://alternativagalega.com/


***

sábado, 22 de setembro de 2012

Proposta inicial para a constitución da Asemblea

Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á
candidatura da Alternativa Galega de Esquerda.
28-9-2012
BORRADOR


Obxectivos:
a) Unir a todas as persoas mais activas da comarca en defensa da candidatura. Coñecerse e recoñecerse como participantes nese proxecto para conseguir apoio mutuo.
b) Asinar e facer público un manifesto de apoio.
c) Construír Comités Populares de Apoio a AGE

Organización e desenvolvemento:

1- Están convocadas a esta asemblea as persoas que a título individual queiran asistir, nomeadamente aquelas persoas que estean implicadas nos movementos sociais da comarca:

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública; Plataforma contra o Malgasto; Comité Cidadá de Emerxencia; sectores da CIG, CCOO; SGHN, Verdegaia, Adega; AAVV; Colectivos culturais ( Lefre de Caldereta, Fuco Buxán, A Revolta de Trasancos, As. López Bouza), Marcha Mundial das Mulheres, Cooperativa Armeria, Comite Lazos Anti-Sida, a Rede de Apoio Mutuo do Encontro Social de Ferrol Terra... (desafiuzamentos), as Hortas Comunitarias, Acción Directa polos Espazos Públicos, Radio Filispim, 15M....

2- Todas as persoas convidadas terían que recibir  antes da asemblea un borrador de manifesto para corrixir, opinar, asinar, nesa asemblea.

3-  O desenvolvemento da asemblea seria en tres partes:

1º Apertura da Asemblea por parte de persoas da Comisión organizadora para explicar os obxectivos.

2º Pediriamos a aquelas persoas que desexen tomar a palabra para explicar o seu apoio, e que cousa agardan de AGE (micrófono aberto). Seria, como expoñer o noso programa, narrado a través das persoas que participen na asemblea.

3º Presentariamos os Comités Populares de Apoio á candidatura de  AGE. Estes Comités deberían saír minimamente organizados da Asemblea, con persoas de contacto que organicen reunións e accións de propaganda pola súa conta. Poden ser sectoriais (sanidade, cultura, educación...), de centros de traballo (Navantia, Megasa, confrarias, comercio...) ou poden ser só de acción-propaganda (graffitis, murais, reparto, colantes, … pequenos mitins espontáneos...)

4º Convocariamos a unha primeira xornada de traballo para acondicionar o local de campaña que seria o punto de referencia ao longo destas semanas ( é posible ter local en Esteiro ou Caranza). Esta xornada de traballo seria un acto propagandístico importante “ o local da candidatura construído pola acción comunitaria, polo esforzo popular, igual que a forza que representamos”.

5º Durante o desenvolvemento da asemblea, é importante organizar un punto de atención ás crianzas. Hai persoas que se non facilitamos isto, sobre todo as mais novas, non van poder asistir.  No centro cívico hai salas, por se chove, que se poderían solicitar para isto. Se non chove, poden estar no parque. Precisamos dúas persoas voluntarias que coordinen esta actividade. Estamos falando ao mellor de 10 nenos e nenas.



***