Bases Programáticas da Coalición

ACORDO PROGRAMÁTICO

I.- LIMIAR


Diante da situación de emerxencia que vivimos, afirmamos que outra política é necesaria e posible.

Consideramos que estamos diante a fin dun ciclo histórico tanto a nivel mundial como europeo tras catro décadas de imposición de políticas económicas contrarias ás maioría sociais, que desmantelaron o modelo do estado do benestar e provocaron a maior crise económica, social e política do capitalismo.

Esta fin de ciclo manifestase tamén no Estado Español no esgotamento do modelo político denominado “da Transición”, na gravidade da crise económica, no descrédito da forma monárquica, e aos intereses oligárquicos que o Estado ampara nos eidos da política, a economía, a xustiza, etc. O “Estado das Autonomías” resulta manifestamente incapaz de acoller a realidade plurinacional para a que cada vez máis constitúe unha pexa aferrolladora e o bipartidismo do réxime hai tempo que deixou de responder ao mandato da cidadanía que a cada volta é máis consciente desa realidade.

Dende o pensamento dunha esquerda plural e inclusiva e dende a reivindicación da nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional, compre formular modelos alternativos que superen tanto o actual sistema económico como o modelo de organización xurídico-política do estado na dobre vertente de recoñecer a realidade plurinacional e a soberanía das nacións, e acoller e garantir unha democracia real e participativa.

As forzas políticas que decidimos coligármonos para as eleccións ao Parlamento Galego do 21-O, coincidimos na necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación; na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas, en definitiva, na procura do ben común.

Entendemos que nesta conxuntura debemos unir todas as forzas posíbeis para facer fronte conxunto, ás políticas que lastran e condicionan calquera posibilidade dun futuro mellor. Apartar ao PP dos gobernos é un mínimo imprescindíbel para abrir posibilidades cara unha ruptura democrática que consideramos imprescindíbel.

Dentro das nosas diferenzas froito da lexítima pluralidade coincidimos en que
:

Na Galiza, a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico que debe incorporar novas dimensións da soberanía como a soberanía alimentar, a soberanía enerxética, a soberanía cultural e o exercicio real da soberanía popular.

O proceso de construción nacional en base a un modelo de acción horizontal e colectivo cara un modelo social ao servizo dos intereses populares, é a nosa achega á loita por un cambio mundial de sistema; a concreción da expresión “pensar globalmente, actuar localmente”. Galiza é o noso marco de acción porque cremos na capacidade e necesidade de autoorganización política, ao tempo que acreditamos na cooperación entre os pobos e entre as persoas do mundo. A loita a prol das maiorías sociais agredidas polo sistema precisa de novas formas organizativas dentro da tradición política e cultural dunha esquerda inclusiva na que teñan cabida non só as clásicas culturas da esquerda senón tamén as lecturas realizadas á luz do ecoloxismo, o feminismo, o anticonsumismo e o antiautoritarismo.

Por iso, acreditamos na necesidade de contribuírmos a establecer na sociedade, políticas baseadas nos parámetros fundamentais da participación directa, o pluralismo, a defensa da Terra e o traballo, e a prol dos intereses das maiorías sociais.

Apostamos pola mudanza dos valores actualmente hexemónicos na sociedade, que están na base do sistema actualmente en crise (egoísmo, insolidariedade social, afán de lucro, competitividade extrema, explotación...), promovendo outros alternativos de xustiza, equidade, solidariedade, fraternidade, benestar colectivo e defensa dos bens comúns.

É imprescindíbel recuperar para a política a ética no seu exercicio. Sen ética non hai democracia, e na esquerda, ética de esquerdas. A honradez e transparencia son esixencias inescusábeis para as persoas que resulten electas por esta coalición, tanto a nivel persoal como sinaladamente no exercicio do poder delegado nas institucións. Esta é a razón do Código Ético-Político que asumen todas a persoas das nosas candidaturas.

II.- PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS

Dende a convicción de que o benestar da maioría social á que nos diriximos require a plenitude dos dereitos individuais e colectivos como pobo, afirmamos que tamén dende as institucións, é preciso pular pola liberdade, igualdade e fraternidade para a cidadanía e polo exercicio da soberanía plena para a nosa nación. Liberación nacional e social son indisociábeis nunha nación sen estado.

Contra o espolio

1. Auditoría da débeda pública que en boa medida é ilexítima, compromiso de non aportar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias, e esixir responsabilidades penais aos xestores destas entidades.

2. Reversión ao dominio público das concesión feitas ao sector privado en materia de infraestruturas, recursos, bens e servizos estratéxicos que poidan ser interpretados como de interese público ou común.

3. Parque Público de vivendas de aluguer social creado mediante a expropiación de todas as vivendas en mans de bancos e grandes promotoras, comezando polas que están ameazadas de desafiuzamento para paralos de inmediato. 4. Regulación pública vía taxación dos mercados, intermediarios, fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.

5. Control democrático da política monetaria hoxe nas mans dos “técnicos” do BCE.

6. Peche de paraísos fiscais e rexeitamento de medidas de amnistía fiscal. Rebelión cívica e política contra as medidas de organismos da plutocracia como os Institutos Financeiros Internacionais ( BCE, BM, FMI etc.).

7. Derrogación da Lei de Augas de Galicia que abriu a porta á crecente mercantilización da auga.

Defensa do noso

8. Recoñecemos o determinante papel da diáspora galega, nos momentos máis negros da nosas historia, na defensa da nosa identidade como pobo, e por xustiza e equidade comprometémonos a garantir os seus dereitos cidadáns en pe de igualdade coa cidadanía residente no noso País.

9. Lei de Memoria Histórica para Galicia. Dignificación das vítimas do franquismo. Xustiza e reparación. 10. Defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra as agresións continuadas á nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia.

11. Defensa do ámbito informativo galego con medios de comunicación non sometidos aos poderes políticos e económicos.

12. Soberanía alimentaria e enerxética. Sustentabilidade ecolóxica e social.

13. Ordenación territorial e urbanística con criterios sociais e ecolóxicos, buscando o reequilibrio territorial, recuperando as formas de poboamento tradicionais e humanizando os núcleos urbanos.

14. Eliminación dos privilexios que en materia económica goza a Igrexa Católica ou calquera trato de favor a calquera outra que se poida dar no futuro.

Democracia, igualdade e dereitos sociais

15. Contribuiremos á posta en marcha dun novo proceso constituínte que recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá que inclúa o referendo vinculante ou o seu voto electrónico sen restrición de materia algunha.

16. Elaboración dunha nova Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.

17. Reivindicamos o establecemento e fortalecemento dun Marco Galego de Relacións Laborais que desenrole e potencie a Negociación Colectiva, a solución de conflitos, a Formación Profesional, a contratación e a participación sindical nas empresas, garantindo: a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e o incremento sustentábel da produtividade.

18. Derrogación das sucesivas reformas laborais que vaian en deterioro dos dereitos laborais. Democratización da empresa regulando a participación das persoas traballadoras na súa dirección e xestión.

2 19. Na defensa dun emprego estable e con dereitos anularemos as recentes normas e reformas galegas que atentan contra os dereitos das traballadoras e traballadores.

20. Implantación dunha renda social básica, de carácter universal, que garanta a subsistencia cun mínimo de dignidade.

21. Igualdade real de homes e mulleres no eido laboral, medidas para a erradicación da violencia machista, respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos. Igualdade real de mulleres e homes en todos os eidos (laboral, económico, social, ...) Establecemento efectivo de medidas de erradicación da violencia machista e de xénero.

Respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das persoas

22. Defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Defensa do aborto libre, público e gratuíto.

Eliminación da obxección de conciencia na sanidade pública.

23. Políticas de igualdade efectivas para todos os colectivos sociais: lesbianas, gais, transexuais e bisexuais; infancia, mocidade e persoas maiores; persoas migrantes e colectivo cigano.

24. Defensa innegociable dos servizos sociais públicos, universais, de calidade e gratuítos, sinaladamente sanidade e ensino.

25. Combate contra a profesionalización da política institucional. Os nosos representantes institucionais han predicar co exemplo da súa conduta mediante o cumprimento do código ético que acompaña este programa.

26. Lei de Transparencia que permita á cidadanía ter aceso telemático aos expedientes de contratación e subvencións dos organismos galegos.

Solidariedade económica e desenvolvemento


27. Constitución dun sector financeiro público ao servizo da cidadanía galega e apostar pola reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinal de entidades non capitalistas de economía social.

28. Reforma tributaria para restablecer unha fiscalidade progresiva, sinaladamente sobre os tramos elevados de ingresos e patrimonios privados, a prol dunha indispensábel política redistributiva de benestar social, encamiñada a garantir as condicións materiais da liberdade.

29. Políticas de defensa do sector labrego, revitalizando as pequenas e medianas explotacións, garantía de prezos xustos, apostando pola recuperación dos ecosistemas agrarios e a sustentabilidade económica, impulsando a ordenación do territorio e a fixación de poboación no medio rural. Políticas análogas para o mundo mariñeiro e a beiramar.

30. Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social, e aos servizos de apoio aos emprendedores.

31. Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio fronte ao grande capital comercial, impulsando a necesaria reforma do marco normativo do sector.

32. Desenvolver estratexias produtivas, socialmente sustentábeis, que corrixan as deficiencias estruturais dos sectores estratéxicos galegos. I+D+I ao servizo da sociedade e orientado primordialmente ao sector civil.

33. Creación da Empresa Galega de Enerxías Renovábeis (EGER) para subministrar enerxía a baixo custe a nosas industrias e o noso agro, e para converter a nosa nación nun referente mundial, reducindo a nosa dependencia enerxética.

Galiza, setembro de 2012.

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA ( Esquerda Unida - ANOVA )

Hai que paralos !

---

Nenhum comentário:

Postar um comentário